Thursday 28 de March de 2024

A piques de remata-la segunda fase da reforma integral do Camiño Real


Neste mes de novembro finalizará a segunda fase da reforma integral do Camiño Real que comprendeu a reposición do asfalto. Segundo fixeron sabe-lo alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), os labores que se efectuaron ata o de agora consistiron na roza e na limpeza, no corte e fresadura do pavimento, firme de aglomerado en quente e implantación dun pequeno muro de contención de pedra granítica por cuestións de seguridade (de 82’72 metros cadrados e catro metros de altura no seu punto máis elevado). Así mesmo, mellorouse a recollida de pluviais e conectáronse ao saneamento aquelas vivendas dese tramo que aínda non o fixeran. No total, esta fase englobou 4 800’89 metros cadrados.

A obra foi adxudicada á empresa Nemesio Ordóñez S.A. e o importe ascendeu aos 81 910’76 euros, IVE incluído, con cargo ao remanente da tesouraría.

O rexedor tamén insistiu en que se realizará a terceira fase, a cal suporá a pavimentación e a colocación de dous bombeos na zona do Conchido, para canaliza-las pluviais e o saneamento á depuradora da Pobra e separalo así do de Boiro, ao cal está actualmente conectado. A intervención irá financiada con crédito bancario que irá ao pleno da vindeira semana e “seguramente xa o executaremos pola vía de urxencia.” No que respecta á primeira fase, está pendente de executar, pois, tal e como indicou o mandatario local, “ten unha tramitación bastante máis lenta ao precisar de cesións e estar pendentes algúns permisos de Costas e de Urbanismo.” Unha vez que estean efectuadas a primeira e a terceira fase, completarase así a reforma total do Camiño Real.